Thursday 28 de March de 2024

A Xunta e os concellos da área de Ferrol acordan por unanimidade a renovación do Plan de transporte metropolitano para o ano 2017, cun orzamento de máis dun millón de euros


Esta área está integrada polos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume, Valdoviño e Miño

A Xunta e os concellos da área de Ferrol acordan por unanimidade a renovación do Plan de Transporte Metropolitano para o ano 2017, cun orzamento de 1,1 millóns de euros. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano de Ferrol, na que se autorizou esta prórroga que permite a continuidade dun plan que supón importantes aforros económicos para os usuarios, e que a Xunta financia nun 80%, achegando máis de 932.000 euros.

Esta área de transporte está integrada na actualidade polos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume, Valdoviño e Miño.

A Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Tamén se puxeron en marcha bonificacións do 100% dos transbordos e descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e ás familias numerosas (20% ou 50% segundo se ten 3 fillos ou máis).

O Plan leva consigo tamén un incremento do uso do transporte público,en detrimento do vehículo particular, feito que supón unha diminución da contaminación nas grandes cidades.

Helena de Lucas explicou que a Xunta está a traballar para implantar este ano o Sistema de Axuda á Explotación (SAE), no marco do Plan de Modernización do Transporte Público de Galicia, coa fin de mellorar as prestacións de servizos do transporte interurbano.

Tamén lle trasladou aos rexedores que o Executivo autonómico continúa co deseño do novo mapa de servizos de transporte que xa se está a desenvolver, introducindo melloras na xestión como o transporte a demanda, para dar unha maior expansión á rede de servizos do conxunto do territorio e, sobre todo, no rural.